Saturday 04 de May de 2024

Bo ritmo para as obras de instalación de céspede artificial no campo de fútbol de Santa Cruz de Montaos


 

O importe total ascende a algo máis de 355.000 €, o que permitirá tamén a nivelación do terreo de xogo; dotar a instalación de canalización nova de alumeado, saneamento, drenaxe e rega; así como a adquisición de equipamento

Hai escasos días os concelleiros Ana Soneira, José Antonio Cabeza e Xosé Manuel Rodríguez visitaron as obras do campo de fútbol de Santa Cruz de Montaos. Concretamente, estase a instalar un manto de herba artificial de última xeración tanto para mellorar o terreo de xogo como para acadar un considerable aforro de custos. A día de hoxe xa se fixo o movemento de terras e estase a compactar a zona. O presuposto total desta obra ascende a 355.016,47 euros, sufragados integramente con fondos propios do Concello de Ordes en dúas anualidades (60% 2019 e 40% no 2020).

No proxecto tamén se recollen intervencións noutras instalacións co fin de obter unhas condicións óptimas para o xogo. Tamén se ten en consideración a nivelación adecuada do campo, axeitándoo aos estándares das actividades que se desenvolverán nel e corrixíndose os desniveis que tiña tanto nos laterais como na portería sur. O campo contará con sistema de saneamento, drenaxe e rega. Para poder realizar todo isto coa maior garantía previamente realizouse a acta de traza do terreo a través de aparatos de precisión e contando coa colaboración dun técnico especializado.

Entre a dotación do equipamento necesario para a realización das actividades deportivas figuran varios xogos de porterías de fútbol 11 e 7, bancos, bandeirolas, redes de fondo e laterais para recoller os balóns, varanda perimetral etc. Asemade, instalarase unha canalización de alumeado público rodeando o campo polos laterais e na zona do fondo norte (275 m) con tubo de polipropileno, contando con seis arquetas para facilitar o acceso.